Saturday 11 de May de 2024

No verán, todo o mundo en forma en San Sadurniño!


 

O rural, como é o noso territorio, ofrécenos múltiples opcións para encher o tempo libre e para facermos exercicio lonxe de aglomeracións. Esa é a razón de que a área municipal de Deportes nos propoña un completo calendario para o verán co que manternos en forma ou facer unha actividade física máis intensa. O programa ten opcións para todas as idades e para o seu desenvolvemento priorizaranse os espazos ao aire libre, o distanciamento interpersoal e os grupos reducidos. Vexamos o que hai, que xa está recollido na nosa axenda de Google Calendar:

O Concello xa anunciou que, polo momento, o ximnasio municipal vai continuar pechado. Porén, iso non significa que non vaia haber oferta municipal para facer actividade física. De feito, durante todo o mes de xullo haberá sesións de exercicio nos xardíns municipais dirixidas polo técnico municipal David Guiñazú.

Serán actividades divididas en quendas de hora e media para un máximo de 20 persoas por grupo e completamente gratuítas. As reservas nas sesións poderán facerse a véspera de cada día contactando co técnico no 647 491 371.

Os horarios son os seguintes: luns, mércores e venres ás 9.00, ás 11.00 e ás 13.00h. Os martes e xoves só haberá grupos ás 9.00 e ás 13.00h.

Os martes e xoves xogamos polas parroquias
Nesa hora e media que queda libre os martes e xoves, o técnico deportivo desprazarase polas distintas parroquias para proporlle á rapazada xogos tradicionais e cooperativos que se desenvolverán nas pistas polideportivas. Neles poderán participar as cativas e cativos de entre 8 e 16 anos en grupos de non máis de 15 persoas, priorizando que todas sexan da parroquia onde teña lugar a actividade. Recoméndase que a cativería leve gorra, protección solar e un botellín de auga. Tamén se aconsella o uso de mascarilla -aínda que se procurará manter sempre as distancias para que non sexa necesaria- e o Concello levará xel hidroalcólico.

Para sumarse a esta iniciativa tamén fará falla inscrición previa chamando ao 647 491 371. As sesións itinerantes comezarán ás 11.00h. e rematarán sobre as 12.30h. nos seguintes días e lugares:

Martes 7 de xullo, pista polideportiva de Bardaos
Xoves 9 de xullo, pista da Seara, en Ferreira
Martes 14 de xullo, pista polideportiva de Igrexafeita
Xoves 16 de xullo, pista de San Xiao de Lamas
Martes 21 de xullo, polideportiva de Santa Mariña
Xoves 23 de xullo, pista da Veiga, en Naraío
Martes 28 de xullo, nos xardíns municipais
Colle a bici
En colaboración co clube Biela e Chaveta, o Concello tamén nos ofrece dúas actividades distintas que teñen en común a bicicleta. A primeira delas é a tradicional Ruta cicloturista en familia con saída e chegada no CPI de San Sadurniño e un percorrido moi doado que nos levará ata Pedroso por pistas pouco transitadas.

Será o domingo 19 de xullo a partir das 11.00h. e fará falla inscrición previa cubrindo a ficha correspondente (persoas adultas ou rapazada) e mandándolla a agustin.perez@sansadurnino.gal.

No itinerario poderán participar persoas maiores de 6 anos e será obrigatorio o uso do casco. Non se trata dunha carreira, senón de dar unha volta tranquila gozando da paisaxe e dun exercicio suave ao longo dun trazado circular practicamente chan duns 13 quilómetros de distancia.

Ademais desta ruta ciclista, entre o 4 e o 31 de agosto tamén se desenvolverá un Curso de bicicleta para nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Trátase dunha actividade de iniciación centrada no manexo e nunha condución segura. Equilibrio, inicio da marcha e detención, xiros a baixa velocidade… pero tamén uso do casco e doutras proteccións, circulación pola estrada, preferencias de paso…, todo para que as nenas e nenos monten en bicicleta con total confianza e respectando as normas que rexen para vehículos e peóns.

O curso terá lugar nos xardíns municipais -se chove trasladarase ao patio cuberto do CPI- todos os martes e xoves de agosto entre as 10.45 e as 12.15h. É totalmente gratuíto e tamén fai falla inscribirse enviando cuberta a agustin.perez@sansadurnino.gal a ficha de solicitude. Cómpre levar bici -obvio- e tamén casco.